lunes, 4 de noviembre de 2013

O TRASNO XA ESTÁ DE VOLTA NO SEU BOSQUE HÚMIDO

Pola estrada da costa. Viaxe sen maleta, estómago encollido e boca seca.
A semana pasada pediume que o levara de volta ao seu bosque húmido: -boto de menos o meu bosque de fais e saxifragas. -Dixo-.
Sabía que a súa presenza estaba a piques de rematar.
Quilómetros e quilómetros en silencio. Non hai música como cando entrara no coche polo oco da fiestra baixada, na meseta. Supoño que os dous temos na cabeza as notas da harpa de Loreena e o ruxido da auga das fervenzas e o río.
-A neve está a piques de chegar. -Dixo cos ollos cravados na estrela de cores do espello e na bolboreta que veu de lonxe-.
-Seino. Seguro que xa nevou no val dos lobos.
-Non te preocupes, non é necesario que entres no bosque. Si me deixas no val será suficiente...
-Podo facelo. Non me queda máis remedio, despois de tantos anos non sei facer outra cousa. -Mireino de reollo e vin como seguía cos enorme ollos de elfo prendidos da estrela-.
Chegamos a noitiña. Chovía e venteaba arreo. Coa falla de luz non podía distinguir a paisaxe sobre nós. Sabía onde estaba cada cousa pero non podía vela. Só os sinais da estrada e dos camiños identificaban un lugar familiar.
-Lembra todo o que pasou, non o esquezas xamais. -Díxome-.
-Xa sabes que non podo. -Contesteille coa voz afogada-.
-Ata pronto.
-Ata pronto.
Sentouse ao pé dunha faia, na entrada do bosque, onde desaparecen os piñeiros.
Marchou deixando a súa pegada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario