lunes, 25 de marzo de 2013

O TÚNEL DE MONTEFURADO. ENXEÑERÍA ROMANA EN QUIROGA II.



<XENERALIDADES

            A verdadeira conquista militar romana destas terras comezou tamén coas chamadas Guerras Cántabras iniciadas, definitivamente, por Augusto no ano 29 a.C e que conclúen no 16 a.C. Unha vez rematado o sometemento dos pobos indíxenas do noroeste, despois de 200 anos de presenza dos romanos na península, o proceso colonizador estendeuse durante máis dun século, convertendo esta zona nun inmenso couto mineiro romano.
<VÍAS DE COMUNICACIÓN
            Resulta evidente que non poden estudarse por separado a ocupación romana das zonas de Quiroga e O Caurel; un dos motivos desta ocupación, é dicir, as explotacións mineiras e as vías de comunicación así parecen indicalo.
            Segundo se demostrou claramente, o progresivo desenvolvemento das explotacións auríferas romanas avanza dende a parte baixa dos vales, onde están os xacementos aluviais de ouro secundario até alcanzar as zonas altas e montañosas, onde se explotaban os xacementos de ouro primario, a “rocha nai” do mineral. Obviamente, este desenvolvemento implicaba á súa vez un sistemático traballo de prospección no mesmo sentido (do val cara a montaña). Nesta zona os elementos están claros coa existencia de gran cantidade de explotacións auríferas romanas sobre xacementos de ouro secundario (aluvial) nas zonas máis achegadas ao val do río Sil e tamén no propio val do río Lor.
            Do anterior pode deducirse que o camiño seguido polos romanos para alcanzar O Caurel tivo que partir da vía XVIII do itinerario de Antonino, que unía Astúrica Augusta con Brácara Augusta a través das actuais provincias de León, Lugo e Ourense. Esta vía cruza o Sil á altura do xacemento da Cigarrosa, ao outro lado de Petín, onde se situou a mansión Foro. Dende aquí, o camiño de penetración seguiría augas abaixo o val do río Sil, en cuxo percorrido atopamos numerosas explotacións auríferas aluviais ata a confluencia co río Lor, en Augasmestas, onde tamén podemos constatar a presenza de numerosas explotacións do mesmo tipo. A partir de aquí, os romanos presumiron a existencia dos xacementos primarios do Caurel. Avanzando pola cunca do Lor atoparon o xacemento aurífero primario da Ermida de Castro Portela. Máis adiante os aluvións de Froxán indicáronlles a existencia do mineral aurífero augas arriba do río Lor. Deste xeito chegarían ao material primario en explotacións como a Mina da Toca, xa no concello do Caurel.
            Daquela, a cunca do Sil, ao seu paso polo concello de Quiroga ten unha dobre importancia para os romanos: por unha banda, das areas arrastradas por este río e dos demais xacementos secundarios  obtiveron unha gran cantidade do prezado mineral; e por outra, serviu para comunicar O Caurel coa rede oficial romana do NW peninsular.
   
=A PONTE BIBEI. A VACARIZA. PARROQUIA DA ENCIÑEIRA.
Ponte romana de tres vans de diferente luz, construída en tempos do emperador Trajano (114-119 d. C.). Conserva a meirande parte da súa fábrica primitiva. A singularidade desta ponte, construída para o paso da “Vía Nova”, que xunto coa ponte Freixo constitúen os dous únicos exemplos de pontes romanas rematadas en Galicia, permítenos un estudo detallado da mesma. O lugar para o cruzamento do val encaixado do río Bibei, e a perfecta xeometría e características construtivas coas que a ponte salva o paso sobre o río póñennos en contacto cos condicionamentos técnicos que tiveron en conta os enxeñeiros romanos na súa construción.
            A elección adecuada do lugar para o cruzamento do río Bibei constátase porque con esta situación a “Vía Nova” salvaba o cruzamento do río Xares e o arroio de Manzaneda, que ofrecía dificultades pola natureza do terreo e permitía ademais dende aquí poder desenvolver a subida ata Larouco.
            No lugar elixido para a súa situación, as rochas aparecen na superficie, o fondo do leito é bastante uniforme, cunha altura da orde dos 3 m por baixo do arranque das pías; de tal xeito que no estiaxe a fábrica destas queda totalmente libre. Na súa construción, polo tanto, practicamente puideron evitarse os noiros.
            A rasante da ponte veu condicionada pola necesidade de desaugue do caudaloso río Bibei, que neste treito discorre fortemente encaixado. Sen necesidade de realizar cálculos máis axustados, o testemuño dos veciños do lugar que recordan grandes enchentes é suficiente para demostrar que os romanos non sobredimensionaron nin a altura nin a capacidade de desaugue da ponte.
          Trátase, polo tanto, dunha ponte romana que conserva a súa fábrica primitiva e pola que na actualidade pasa a estrada N-120. Isto amósanos como o trazado viario realizado polos romanos, para atravesar o encaixado val do río Bibei, segue a ser válido dezanove séculos despois; posiblemente, a súa adaptación ao tráfico rodado actual permitiu o seu inmellorable estado de conservación.
 <MINERÍA AURÍFERA ROMANA.
         Roma explotou intensamente as riquezas minerais de Galicia seguindo as indicacións do procurador metallorum, figura que miraba polos intereses do imperio e empregaba man de obra non autóctona composta por milleiros de escravos, o que amosa un gran sentido político,  que realizaron importantes obras, aínda vistas dende a perspectiva actual.A explotación das Medulas de Carucedo e a desviación do leito do río Sil mediante o túnel de Montefurado en Quiroga son bos exemplos. Daquela, e para facernos unha idea, Plinio o Vello calculou que a finais do século I d.C. Roma recibía anualmente do NW peninsular cantidades de ouro da orde das 6 Tm.
         A profunda pegada do mundo romano faise patente na actualidade cando observamos o impresionante legado arqueolóxico desta época; composto en Quiroga  por un complexo tecido de sesenta e seis explotacións mineiras de distintos tipos e unha vintena de asentamentos fortificados relacionados coa actividade mineira.
         Atendendo á súa tipoloxía, as explotacións auríferas poden dividirse en dous grandes grupos:
         -Explotacións sobre xacementos primarios: realizados para obter minerais auríferos encaixados na rocha. Os sistemas de extracción realizados nestes xacementos poden ser: trincheiras, cortas abertas ao aire libre e minería subterránea por pozos e galerías. As minas de Paradas en Vilarmel, Forgas e a Veneira na Seara e Vieiros son exemplos deste tipo de explotación.
         -Explotacións sobre xacementos secundarios: son as realizadas sobre aluvións fluviais ou sedimentos que conteñen ouro procedente dos xacementos primarios. Nestes xacementos as labras realízanse seguindo, entre outros, os seguintes sistemas de explotación: lavado por batea dos aluvións fluviais (como se realizou en Montefurado ata épocas recentes), desviación do álveo do río (o túnel de Montefurado é o exemplo máis significativo da península Ibérica), sistema de cunchas de erosión (método empregado nas minas de Sequeiros e Santa Andrea) e as cortas de minado, tamén denominadas arrugia ou ruina montium: Este consite, basicamente, en escavar no terreo unha rede de galerías tanto verticais como horizontais comunicadas entre si, nas que se introducía, unha vez rematadas, unha gran cantidade de auga para que, entre a presión exercida nas paredes das galerías, a forza do aire que comprimía e o amolecemento da terra, acabara derrubando o terreo e producindo unha mestura de lama, pedras e auga que se conducían ata as canles de lavado unha vez retirados os cantos rodados. As pedras retiradas acumulábanse todas xuntas orixinando os característicos depósitos de áridos, que hoxe coñecemos cos nomes de medos ou muradellas. Nos grandes complexos mineiros de Quiroga (o Toucedo, o Regueiral,  as Medas, Secide, etc), Covas (Augasmestas) e Margaride empregouse, como método predominante de extracción, este sistema de explotación.
         Como dato curioso e ilustrativo da importancia que tivo o beneficio do ouro ao longo da Historia, cabe destacar as observacións feitas no seu traballo polo xeólogo alemán Guillermo Schultz, que percorreu Galicia, durante os anos 1832 e 1833, descubrindo a presenza das denominadas “aureanas”; mulleres que se dedicaban á obtención de ouro por batea na cunca do Sil ao seu paso por Quiroga, sobre todo en Montefurado.
<O TÚNEL ROMANO DE MONTEFURADO.
De todos estes restos chegados ata nós destaca, pola súa importancia e grandiosidade, o túnel de Montefurado; principal elemento dun xigantesco complexo mineiro contemplado como un dos grandes logros da enxeñería romana. Nesta ocasión, a base principal dos traballos consistiu en desviar o curso da corrente nun treito que coincidía cun amplo e acusado meandro areoso que, deste xeito, quedaría libre para recoller máis rápido e con maior facilidade do seu leito desecado as areas de ouro que arrastraba, e aínda arrastra o lendario río.
            Unha serie de investigacións para a confección dunha memoria presentada no ano 1995 para acadar a declaración do Túnel de Montefurado como “Bien de Interés Cultural Nacional” revelaron que o emblemático túnel quirogués construído polos romanos a comezos do século II d.C., durante o mandato do grande Trajano, é o túnel artificial de maiores dimensións e máis antigo dos abertos na península Ibérica e un dos poucos realizados polos romanos en todos os territorios que chegaron a ocupar.
            A recoñecida “auri sacra fames”, que caracterizou a administración romana, fixo que esta non se detivera diante das dificultades impostas pola natureza, mesmo cando, como no caso de Montefurado precisaron do cambio do curso dun gran río para beneficiarse do ouro das súas areas. Para materializar o proxecto perforouse o macizo rochoso cun oco o bastante grande como para que collera todo o caudal. As dimensións do túnel, sobre as que moito se leva especulado, dan unha idea do colosal esforzo realizado; tiña unha lonxitude aproximada de 120 m ata o derrubamento accidental provocado por unha enchente  no ano 1934, que o deixou reducido aos 52 m abovedados que ten na actualidade. A anchura media é de 20 m e a altura tamén está próxima aos 20 m, dos que 12,5 se atopan baixo a auga; aínda que na actualidade, despois de ter elaborado unha topografía do fondo, pódese observar unha importante acumulación de canto rodado na embocadura de entrada e de grandes bloques na de saída.
            Probablemente o inmenso oco, hoxe de formas suavizadas pola acción da auga durante algo máis de 1800 anos, fora escavado empregando a denominada “técnica do lume”. Esta consite en quentar a rocha ata acadar temperaturas moi altas para despois arrefriala con auga e que a brusquidade do cambio térmico rachara de xeito fácil e inmediato o macizo rochoso, para redondealo posteriormente con ferramentas metálicas, cuxas pegadas poden observarse aínda agora nalgúns puntos.
            Semella indubidable que as dimensións desta empresa solicitarían a presenza dun importante número de traballadores; sobre a situación dos mesmos as noticias son mínimas ou nulas e as que hai parecen responder máis á lenda que á realidade. Segundo Madoz, na aldea de Sesmil (ao que daría nome Seismil), actualmente pertencente á parroquia de Santa Isabel da Enciñeira ao sur de Montefurado, sinala a tradición que sería o lugar onde se asentaría a lexión que supervisou os traballos de perforación e posterior beneficio mineiro. O continxente constaría de 6.000 homes dando, polo tanto, orixe ao topónimo. Topónimo que, por outra banda, orixinaríase segundo Nicandro Ares Vázquez (Toponimia do Concello de Quiroga. LVCENSIA. Nº12-LUGO, 1996) como antropónimo gótico Sisimirus/Sesmirus. Conxecturas á parte, resulta unha crenza popular encantadora e non pode xulgarse de imposible: a aldea de Sesmil está próxima e domina toda a explotación mineira e non podemos esquecer os testemuños de varios veciños que falan da existencia de “especie de sepulturas” coas súas correspondentes lápidas en lugares dedicados ao cultivo do viñedo.
<INVESTIGACIÓNS RECENTES SOBRE A HISTORIA DO TÚNEL

           En canto ao funcionamento do complexo, hoxe en día pódese especular coa existencia dunha serie de estruturas desaparecidas durante a construción da estrada N-120, sen que quede ningunha constancia das mesmas máis que imaxes confusas, datos imprecisos e a memoria dos vellos. Estes falan da presenza no contorno da boca do monte de varias canalizacións, que inevitablemente nos levan a manexar a hipótese da posible existencia dun sistema composto por unha presa e unha ou varias canles que lles permitirían desecar o interior do túnel, onde quedarían depositados todos os sedimentos arrastrados polo río aproveitando, ao mesmo tempo, o oco como balsa de decantación.
            Esta hipótese, que pode semellar lendaria e con pouco fundamento atopou un valedor na figura do enxeñeiro belga Henry Steven que o 25 de abril de 1918, solicitou unha autorización para facer unha desviación do río Sil en Montefurado, “Dejando el cauce seco durante el verano empleando un canal y túnel abiertos de antiguo construyendo unha presa en el origen del canal situado auguas abajo de la estación de ferrocarril de Montefurado". Segundo consta no arquivo do Ministerio de Fomento (antigo Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente, nun “Proyecto de terminación de las obras de desviación del río Sil en Montefurado”, do enxeñeiro Antonio del Águila y Roda e do que era peticionario o mencionado Henry Steven.
           A historia do túnel de Montefurado, detida durante uns cantos séculos, toma novos pulos na primeira metade do século XX; xa que, o día 7 de novembro do ano 1934, recibiuse unha orde telegráfica na Dirección Xeral de Obras Hidráulicas ao enxeñeiro xefe dos Servizos Hidráulicos do Miño para que con toda urxencia procedera a enviar ao lugar onde se afundira o túnel persoal para tomar, de xeito inmediato, as medidas pertinentes. O motivo, como xa se apuntara, foi unha forte enchente do río que propiciou o afundimento  da embocadura de saída ocasionou un tapón de grandes rochas que impedían o paso normal da auga; como consecuencia, o río retornou ao seu primitivo leito  e asolagou todas as terras de labra que co paso do tempo os veciños foran instalando nos fértiles sedimentos do meandro desecado.
           A data fixada para o inicio das obras foi a primavera de 1935, pero a comarca sufriu un persistente temporal de auga que facía moi perigosas as tarefas de desentullo; isto atrasou o arranque do traballo ata o mes de maio do mesmo ano. Despois de numerosos atrancos, guerra civil incluída, a auga non volvería a circular normalmente polo túnel romano ata despois de 1941.
           Á esquerda do Montefurado, existe unha galería de 145 metros de lonxitude cunha anchura de 3,30 m e unha altura de 3,90 m, que mantén as medidas da sección en toda a bóveda e que do mesmo xeito que a obra romana, tamén atravesa a montaña. Hai quen afirma que podería tratarse dun primeiro intento para desviar o leito do río que non daría os froitos apetecidos; isto semella pouco probable tendo en conta a enorme pericia dos romanos. Unha serie de testemuños actuais parecen demostrar que o pequeno túnel sería unha das obras emprendidas polo enxeñeiro belga Henry Steven no ano 1918 para intentar cambiar novamente o curso da auga. Cabería engadir a posibilidade de que esta nova perforación formara parte das obras destinadas a arranxar os danos causados polo derrubamento de 1934 como consecuencia da enchente do Sil.
=RUTH MATILDA ANDERSON EN MONTEFURADO NO ANO 1925
Tirado do seu diario, na primeira viaxe que realizou ao interior de Galicia, acompañada polo seu pai para facer unha reportaxe fotográfica para a The Hispanic Society of America.
           Tradución ao galego.
            -26 de decembro de 1925.
Erguinme ás 6:30 h. O dono tamén viña no tren e tomamos cadanseu café e un anaco de pan no comedor antes de partir. (viña da Rúa de Petín  cara a San Clodio).
Cando chegamos a Montefurado, fixemos algunhas preguntas e logo fomos ver que podiamos atopar. Primeiro vimos o túnel feito polos romanos na montaña para deixar paso ao río. O leito do río é agora un val precioso. A continuación fomos ata a montaña que está por enriba do río e fotografabamos as ruínas romanas. Mentres estabamos a facer isto, acercóusenos un home que falaba inglés. Resultou ser o señor Barber, un enxeñeiro de minas que viaxara por moitos sitios do mundo, e ficou con nós todo o tempo que botamos en Montefurado. Mesmo nos convidou a quedar un día máis e aceptar a súa hospitalidade, pero consideramos que non podiamos. Era unha persoa ben interesante e encantounos coñecelo. El tamén parecía contento de nos coñecer. Está a traballar para unha compañía inglesa e en breve terá un numeroso equipo de homes traballando no fondo do pozo e escavando un túnel por debaixo do río para dar coa mina de ouro abandonada centos de anos atrás (seguro que fala do túnel pequeno). Contounos que gañaba 150 libras ao mes e que a empresa deixaba da súa man a planificación. Mesmo estivera en Suecia e podía falar un chisco de sueco. Ás 12 estabamos listos para volver a San Clodio. Estabamos ben famentos, así que o xantar marabilloso que nos puxeron sóubonos estupendamente.
Á tarde fomos dar unha volta e fotografamos algunhas casas, pero os días son tan pequenos agora que a luz desaparece case antes de que nos decatemos.
=O COMPLEXO SISTEMA DE FUNCIONAMENTO DA MINA AURÍFERA ROMANA DE MONTEFURADO AO DESCUBERTO
            Grazas ao impresionante traballo de dixitalización de publicacións antigas levado a cabo pola Biblioteca Cervantes, agora podemos acceder, en liña e comodamente a través dos buscadores, a material que hai uns anos resultaría dificilísimo de atopar. Daquela, como produto da inquedanza investigadora, atopamos un documento que, aínda que debemos analizalo con cautela pola imprecisión dalgúns datos, revela como sería o contorno próximo ao túnel de Montefurado antes das obras da N-120. Estas danaron a zona seriamente sen deixar documentación escrita e gráfica para os posteriores estudos do funcionamento deste complexo sistema mineiro. 
            Datos obtidos da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, documento do Semanario Pintoresco Español do 25 de maio de 1851, asinado por J.R. Figueroa.
            “(…) Tres son principalmente los que deben admirarse en el Montefurado. La primera las grandes represas, cuyos vestigios se conservan hechos para contener el desvordamiento de las aguas y facilitar los trabajos sucesivos; la segunda el canal ó alveo de 3200 pies de longitud, 70 de latitud y 50 de profundidad, abierto en las rocas para conducir las aguas al pie del monte, y tercero el estanque llamado la pesquera formado para recibir las aguas á la salida del mecionado monte por la parte que mira al poniente, este estanque tiene desde la boca del tunel á la otra orilla sobre 1000 pies, por 1200 de anchura. El monte medido desde una á otra boca por la parte exterior, da un resultado de 1700 pies superficiales, y la bóveda ó galeria una tercera parte. La altura de esta medida en los meses de verano desde la flor del agua es de 30 ó 40, y desde esta al fondo de 30 ó 70, según está mas ó menos atascado el canal por el arrastre continuo de las arenas. En dicha época del año se ve un botabanco ó cornisa de dos pies de anchura que corre á lo largo de la bóveda por ambos costados, en los que se encuentran cinco puertas dos en el uno, y tres en el otro, que daban paso a otras tantas galerías subterráneas, que al presente se hayan atascadas á escepcion de dos, cuyas salidas reconocen los prácticos á larga distancia del rio, sin que puedan determinarse los usos para que fueron construidas, á no ser para evitar en las grandes avenidas el retroceso del río á su antigua madre, como sucede al presente, á pesar de que es muy raro el año en que las aguas dan la vuelta completa (…)”.
             =O CASTELO DA VEIGA
            Outro dos puntos deste contorno, que tamén se pode considerar integrante do complexo mineiro de Montefurado, é a famosa torre o fortaleza que coroaba o esporón rochoso por riba do túnel. Os restos romanos desta zona sempre foron incluídos no catálogo do Patrimonio Arqueolóxico. Porén, sempre nos preguntamos pola existencia  dunha estrutura fortificada con torre grande que atopamos na cultura popular e mesmo no escudo antigo do Concello de Quiroga (unha torre sobre un monte furado). A súa existencia, se non se confirma plenamente, acada un novo pulo coa aparición dun debuxo do natural do túnel de Montefurado de D. José Cappa, dentro das paisaxes de Galicia publicada na serie La ilustración Española y Americana, que nos ofrece una visión espectacular de como sería o aspecto do túnel e a estrutura que o coroaba no ano 1887.
             Por se fora pouco, tamén no documento do Semanario Pintoresco Español do 25 de maio de 1851, asinado por J.R. Figueroa, podemos ler: “(…) Corona una de las crestas del monte un fuerte de construción no muy antiguos. En nuestra guerra peninsular, sirvió de asilo y de punto de defensa á los que trocaban de la noche a la mañana la hazada por el fusil; hoy solo sirve como punto de meditación y de descanso a cuantos cruzaban los Valles de Quiroga para contemplar el magnífico espectaculo de monte Furado”.
             Isto explicaría as múltiples referencias que recollemos na bibliografía ao longo do tempo, referidas á existencia dunha torre na entrada das terras de Quiroga seguindo o curso do río Sil.
     
<CONTORNO MONTEFURADO
Ademais das importantes tarefas para o aproveitamento das areas arrastradas polo río, atopamos no contorno do antigo leito outro tipo de prospeccións de menor importancia e que normalmente pasaron desapercibidas. Os restos das labras mineiras menores atópanse completamente sepultadas pola vexetación acumulada, aínda así apareceron varias galerías de mina abandonadas aos poucos metros do seu inicio. Algunha destas catas semellan indicadas nun impreciso esbozo do túnel de Montefurado realizado por Manuel Amor Meilán no seu apartado da Xeografía do Reino de Galicia.
           Na zona de Montefurado, a actividade mineira non se reduce só ao contorno inmediato do túnel,  existen varias explotacións auríferas sobre aluvión de distintas proporcións e de adscrición cultural romana. Resultaría prolixo realizar unha análise pormenorizada de cada unha delas, pero como complemento cabería citar as máis salientables.
          No Ermidón, parroquia de Montefurado, hai restos dunha explotación sobre aluvión nunha zona moi alta e na que aínda se poden apreciar perfectamente as técnicas de extracción empregadas. No lugar coñecido como A Veiga, localízase unha explotación similar á anterior.
           A mesma vila de Montefurado aséntase sobre un complexo mineiro de considerables dimensións.
          Un pouco máis afastada, pero dentro da mesma área,  na parroquia de Vilanuíde aparece a explotación da Cabeza, e na beira do río outras dúas, unha delas de considerables dimensións. Tamén en Albaredos e Sesmil, podemos observar restos de explotacións do mesmo tipo.
          O catálogo do plan xeral de ordenación do Concello de Quiroga recolle nesta área as seguintes explotacións: -a Boca do Monte, Montefurado, San Miguel de Montefurado, -explotación mineira no Ermidón, Ermidón, San Miguel de Montefurado, -explotación mineira do Ivedo, Ermidón, San Miguel de Montefurado, -explotación mineira de Montefurado, Montefurado, San Miguel de Montefurado, -explotación mineira do Montín, Montefurado, San Miguel de Montefurado, -explotación mineira da Cabeza, Montefurado, San Miguel de Montefurado, -explotación mineira da Cubeliña, Montefurado, San Miguel de Montefurado, -explotación mineira da Veiga, Os Covallos, San Miguel de Montefurado, -explotación mineira de Vilanuíde, Vilanuíde, Santo Antón de Vilanuíde, -explotación mineira de Anguieiros 1, Os Covallos, San Miguel de Montefurado, -explotación mineira de Anguieiros 2, Os Anguieiros, San Miguel de Montefurado, -explotación mineira de San Martiño de Abaixo, San Martiño, San Miguel de Montefurado, explotación mineira das Chouzas de Arriba, As Chouzas, Santo Antón de Vilanuíde, -explotación mineira das Chouzas de Abaixo, As Chouzas, Santo Antón de Vilanuíde, e -explotación mineira da Retorta, Montefurado, San Miguel de Montefurado.
         Ligados ao desenvolvemento dos traballos desta intensa actividade mineira existía unha rede de asentamentos fortificados de tipoloxía castrexa. Baixo o lugar do Ermidón (parroquia de Montefurado) xusto enriba da boca do monte, atopamos un xacemento, en boas condicións de conservación. Nos Anguieiros (parroquia de Montefurado), aparece un asentamento tipo castro, de considerables dimensións, situado sobre un pequeno outeiro no que aínda poden contemplarse espectaculares socalcos. Tamén en Vilanuide existe un asentamento de características similares.
-Bibliografía:
.Catálogo da exposición fotográfica, Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson. Edit. Fundación Caixa Galicia.
.Guillermo Schulz. CUADERNO DE CAMPO, Nº 2 (Marzo-Agosto 1833). Transcrición Juan Ramón Vidal Romaní.
.Manuel Vázquez Seijas. FORTALEZAS DE LUGO Y SU PROVINCIA.
.Actas del Coloquio Internacional sobre el Bimilenario de Lugo. Edit. Patronato del Bimilenario de Lugo. 1997.
.Carlos Nardiz Ortiz. LOS PUENTES ROMANOS EN GALICIA. Revista de Obras Públicas. Septiembre de 1991.
-LUZON NOGUE, José Mª. y SÁNCHEZ PALENCIA RAMOS, Fco. Javier: EL CAUREL. Excavaciones Arqueológicas en España nº 110. Madrid. Dirección general del Patrimonio Artístico, Archivos y Museos. 1980

4 comentarios:

  1. Muy bon reportaxe, Gracias Ramón, co teu permiso porei o enlace do mesmo na miña paxina de San Miguel de Montefurado.
    Un saudo de Pedro Soto Losada

    ResponderEliminar
  2. Ola Pedro, moitas grazas pola visita e por compartir a ligazón na túa páxina de Montefurado. Como sempre hai moitas cousas que son opinables. Un saúdo.

    ResponderEliminar
  3. Bravo Ramón, el tuyo si es un reportaje bien documentado, soy miguel de montefurado, espero mandarte documentación del antiguo periodico " El Sil" para que lo publiques en tu blog, un saludo desde Bilbao.

    ResponderEliminar
  4. Muchas gracias por tu interés Miguel, un saludo.

    ResponderEliminar