sábado, 8 de enero de 2005

Aconcagua 2005: Confluencia 3.300 m - C.B. Plaza de Mulas 4.300 m.

Ás 8 estou preparado para saír cara ao C.B de Plaza de Mulas, a noite foi reconfortante e non hai secuelas do mal estar estomacal do día anterior. A xornada preséntase dura e interesante: moitas horas camiñando e 1.000 m de desnivel para chegar a unha altura significativa na que haberá que instalarse confortablemente para pasar uns cantos días.Cruzo o río Horcones e ascendo pola súa quebrada ata o Bloque Solitario que inicia a Playa Ancha; superar este treito ata Piedra Ibañez require bastante calma, o desnivel é suave pero trátase dun deserto de pedra de moitos quilómetros só recompensado polas marabillosas vistas sobre os Cerros Tolosa, de los Dedos e Morro. Unha vez que entro en Playa Chica a cousa cambia, xa podo ver Plaza de Mulas baixo o impresionante Cerro Cuerno, testemuña impasible de toda a ascensión pola cara noroeste do Aconcagua. O continuo cruce coas mulas, no estreito sendeiro, fai divertida esta parte da aproximación. Teño un montón de fotos do espectáculo que ofrecen aquí estes sufridos animais e os non menos sufridos arrieiros.Sen tempo para reaccionar estou baixo a Cuesta Brava, de fronte o Cerro Cuerno (5.400 m) e á dereita a cara oeste do Aconcagua, cando a vexo por primeira vez resúltame tan familiar que non me sorprende moito; esta paisaxe levaba moito tempo na miña cabeza.Plaza de Mulas non pode describirse en poucas liñas, é un lugar curioso con xente moi curiosa e non da a sensación de estar a 4.300 m. Chego, observo e me concedo uns minutos de emoción, o xusto, hai moito que facer e hai que facelo moi a modo.En principio síntome ben pero despois de montar a tenda e reforzala con pedras é como si me pasara unha apisoadora por riba. Respiro fondo e con calma, bebo e trato de non abandonarme; en poucos minutos estou recuperado. Por hoxe é suficiente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario