miércoles, 9 de agosto de 2017

CHOGORI, ENDLESS KNOT, O GRANDE CRISTAL, K2...

O xogo repítese como en todos os grandes vales do Himalaia.
Xogas a ver pronto, a adiviñar onde rematan os xigantes, a agardar o vindeiro xiro do camiño para sorprenderte cun novo panorama... xogas a imaxinar como será en realidade...
Ten sucedido que cando estás diante dunha panorámica que contén, por exemplo, montañas lendarias, nin te decatas do que tes de diante por mil veces visto... quero dicir que é un: ah, xa!; a realidade correspóndese demasiado coa imaxe que temos interiorizada entón, hai menos ou non hai sorpresa inicial.
En canto entras no val do río Braldu, sabendo que se alimenta dos xeos de moitas montañas máxicas antes e despois de Concordia, a vista e a mente están sempre crispadas... cando aparecerá? será aquel que asoma alí? Error...
O primeiro que se ve é o Broad Peak... en canto os ollo se enganchan na súa parede negra tinguida de branco neve e brétema, sabes que é unha montaña moi alta. Logo a peculiar silueta do seu cumio delátano pronto. Si, é o Broad Peak... vese na segunda xornada de aproximación aos xeos do Baltoro.
Unha vez hai unha referencia clara só é cuestión de esperar... o paso dos días e a ascensión polo grande Baltoro ata Confluencia acaban de situarnos.
Si, cara alí... ten que estar cara alí. Coa cámara na man, no campamento baixo o Paiju Peak, intento ver os picos que asoman detrás dos grupos do Trango e Catedral; non creo... apoiado na parede de barro da rústica construción que fai as veces de mesquita decido que non se pode pretender correr máis que as nubes.
Cada metro de ascensión suave polo Baltoro é unha sorpresa. Imos deixando a esquerda e dereita montañas que alteraron o soño de grandísimos alpinistas... Paiju Peak, Uli Biaho, Torres do Trango, Masherbrun, Muztagh Tower... e dende hai uns días a inquietante presenza do G IV... penso en Walter Bonatti... levo pensando nel dende que entramos hai días nas gorxas do río Indo. Penso como serían aquelas primeiras veces... Penso en Jerzey Kukutshka...
Concordia... con choiva, con néboa, ao lonxe... o mesmo circo: Mitre Peak, Broad Peak, Muztagh Tower... distinta luz e de novo crispación. Seis, sete, oito días de bo tempo e agora que? Karakorum é Karakorum... agora igual xa está, nada máis, tamén niso hai que pensar.
Pasos cansos para avistar unha pequena cidade de lona de cores, alí no medio do xeo sucio de moitísimos fríos e calores...Nun momento, na impresionante praza que forma a confluencia de varios glaciares monstruosos só vexo a negra silueta do Mitre Peak e... séntome no camiño como fixera algunha vez na Mer de Glace a imaxinar como será o que me rodea e a buscar algo de paz... sorrío e síntome cómico alí no medio dos colosos que sei que hai.
O temporal segundo chegou empezou a marchar dende o fondo do val. Paseniño as agullas de rocha rompen as nubes de tormenta nun espectáculo sublime e dantesco pola potencia que atesoura. A melloría marca o noso ritmo de aproximación ao campamento de Concordia... lembro poucos sons: algunha avalancha, o renxido do xeo do glaciar e o continuo clic, clic, clic da cámara... A boca seca... e de pronto a miña esquerda, entre brétemas espeluxadas pola violencia dunha pirámide perfecta... Chogori, endless knot, o grande cristal... K2...
Lembro todos os músculos do corpo en tensión, lembro repetir en alto con crispación: K2, K2, K2... Lembro ter chegado demasiado tarde. Lembro que non tiven nin a máis mínima duda pola súa perfección... igual que outras montañas, o K2, cando aparece golpéate con toda a súa grandeza e non admite confusión.
Día 12 de xullo de 2017, máis ou menos a medio día hora Pakistaní, mirei e sentín que chegara demasiado tarde. Cando vin o monte K2 sentín que chegara demasiado tarde...

K2 dende Concordia

domingo, 23 de abril de 2017

BARRANCO DE EIRIZ. EIRIZ. FOLGOSO DO CAUREL

O carrozo da Freita é o derradeiro afluente do río Lóuzara antes da súa desembocadura no río Lor. Corto, cómodo, vertical e de grande e sostida intensidade. É un dos barrancos clásicos da Serra do Caurel que se ven repetindo, con total seguridade, dende a década dos noventa do século pasado. Probablemente despois da exploración e equipamento do Ferreiriño, o Selmo entre a Seara e Vieiros e o Rego do Aceval en Ferramulín, se descenderan por primeira vez as grandes fervenzas verticais de Eiriz, pero… quen o sabe?
Imprescindible para comprender a esencia dos barrancos da Serra do Caurel.
Só é necesario un vehículo.

Aproximación: descríbese as dúas opcións que consideramos máis rápidas dende Folgoso do Caurel.
-Na saída da vila de Folgoso, en dirección a Semana do Caurel, collemos a estrada LU-P-4701 que nos leva ata Baldomir (4 Km); unha vez na ponte de Baldomir, desvío a dereita pola estrada que atravesa Baldomir (a 200 m da ponte está o Bar Costa, magnífico lugar para facer unha parada e obter algunha indicación si é necesaria) para dirixirse primeiro á Pendella (570 m) e logo O Touzón (1 Km); atravesamos a aldea do Touzón polas súas estreitas rúas con moita precaución para seguir 650 m, pola estrada que leva á principal de Eiriz, ata unha curva moi pechada á esquerda onde deixamos o coche, xusto na entrada do camiño que nos conduce ata o mesmo leito do río 200 metros máis adiante.
-Na saída da vila de Folgoso, en dirección a Seoane do Caurel, collemos a estrada LU-P-4701 que nos leva a Baldomir, Vilarmor, Froxán etc. Dende o desvío de Folgoso ata o seguinte cruzamento, unha vez pasamos por Baldomir, hai cinco quilómetros; aquí colleremos a estrada que leva a Eiriz, para deixala 1’9 km máis adiante desviándonos á dereita pola estrada que leva a aldea de O Touzón pola que circularemos 800 m ata unha curva moi pechada á dereita; neste punto deixamos o coche xusto na entrada do camiño que nos conduce ata o mesmo leito do río 200 metros máis adiante.

Descenso: aínda que non presenta grandes dificultades técnicas agás as propias da altura das súas fervenzas, compre avaliar caudal, con moita auga son especialmente complicados o primeiro resalte (R-8) moi encaixado e o derradeiro (R-37,6) que despois de superados os primeiros 17 metros ten forma de funil antes de abrirse nunha espectacular cola de cabalo. Todos os resaltes fanse normalmente empregando os ancoraxes naturais da esquerda, con moito caudal é preferible empregar os da dereita e no último con abundante caudal o máis adecuado e fraccionar o descenso en dúas tiradas de 17,6 m e 20 m, sempre sobre ancoraxes naturais á dereita.
Sempre moita precaución coa aproximación ás cabeceiras dos resaltes.



MELLOR ÉPOCA: Todo o ano. Despois de choivas prolongadas, desxeo, ou treboadas, moito ollo co caudal.
Compre ter en conta que o retorno máis espectacular faise por un treito do río Lóuzara (ata a ponte de Sudrios) que é un dos ríos importantes da Serra do Caurel. Con moito caudal pode resultar perigoso xa que é moi acuático e hai zonas de pozos e rápidos.
MATERIAL NECESARIO:
-Casco.
-Traxe de neopreno completo. Aínda que no verán para as fervenzas do barranco é suficiente co peto, compre ter en conta que o retorno polo río Lóuzara ata a ponte de Sudrios é moi acuático e a auga deste río e bastante fría.
-Dúas cordas de 40 m.
-Equipo de descenso e ascenso.
-Cabos de ancoraxe.
TEMPOS ESTIMADOS:
Só é necesario un vehículo.
-Acceso: 5 minutos.
-Retorno: 20 minutos, dende a ponte de Sudrios ata o coche a través da aldea do Touzón.
-Descenso (barranco+treito do río Lóuzara ata a ponte de Sudrios): 2 h 30' para un grupo pequeno e desenvolto.

R-8 m

R-30 m

R-26,50 m

R-37,60 m

No río Louzara, onde se chega despois do descenso da derradeira fervenza

domingo, 12 de marzo de 2017

EMOTIVO, SALVAXE, ÍNTIMO... VÉMONOS MEU...

Emotivo, salvaxe, íntimo... pendurado para sempre entre o monte Formigueiros, a devesa da Rogueira e a sima Aradelas... xa es eterno meu.
Miro atrás sen pena e vexo tres corpos espidos no medio do río Mundo nunha madrugada xélida... só hai risas e imaxes imprecisas pola brétema que desprenden os nosos corpos que morren de vida: -isto non vos é para durar, dixo...
Miro atrás sen pena e só sinto risas profundas por algo tan puro e natural como é a xente sinxela: -voute levar o boi de Vilar, -voute levar o boi de Vilar... No medio dunha cifra escoito as túas palabras: -neno, voute levar o boi de Vilar.
Miro atrás sen pena e vexo un ser tan puro como a neve do Karakorum, tan puro como un Peugeot 205 coa bandexa traseira ocupada por un enorme pano coa faciana do Che estampada: -ti sempre fuches moi "pijo"... dicíame.
Miro atrás sen pena e sinto a vida duns anos felices acompañado por todos eles... a maioría de nós vímoste voar onte, cara a Rogueira, cara a sima Aradelas, cara o cumio do monte Formigueiros... e agora xa nos acompañarás en cada paso, en cada cova, en cada barranco... Era difícil imaxinar un final así... emotivo, salvaxe, íntimo... no extremo; si, sempre nos extremos.
Miro atrás sen pena e escóitote berrando dende a beirarrúa de en fronte: -mestre, mestre... xa non coñeces a ninguén...e o corazón late con forza pensando nos toques de pelota no aparcadoiro do Torcal de Antequera, ou na cancha deportiva de Arredondo, ou na beira do río de Melón... O corazón late con forza pola pureza de cada un dos momentos que gozamos xuntos; late con forza porque aquela pureza nin se merca nin se vende e por máis que se busque non é doado que apareza...
Miro atrás sen pena e escoito o ruxir do río na cova do Hundidero... e véxote arriba expectante, ansioso, lunático... -salto?, -salta... Supoño que non aprenderías a nadar nos últimos anos. Sempre atopabas con quen saír das pozas, calquera de nós valía, a conexión era íntima.
Agora mirarei atrás sen pena e vereite voando polo Caurel coma un "lince chosco".


miércoles, 25 de enero de 2017

MOSAICO DE CULTIVOS NA ZONA RURAL DE TUNGURAHUA, ECUADOR.

Por unha vez as cousas seguen o camiño correcto.
Fotografía publicada na Revista AUS, da Universidade Austral de Chile; sobre a paisaxe típica de Tungurahua en Ecuador. Eu só pasaba por alí a curar a humildade no monte Chimborazo.
Aparece dentro do artigo: Arquitectura, tradición y turismo. La arquitectura vernácula de Tisaleo en el desarrollo de un modelo turístico basado en el paisaje cultural.
De: Daniel Díez-Martínez, Juan José Martí-Noguera e Santiago Suárez Abril.

RESUMEN: El estudio del paisaje urbano de Tisaleo, en la región interandina del Ecuador, es objeto de una investigación cuyo fin es el desarrollo de un ecoturismo que gravite alrededor del mestizaje intercultural y los recursos naturales y paisajísticos característicos de la zona. A pesar de que el Plan de Desarrollo y Ordenamiento Territorial (PDOT) del municipio presenta un escenario de pervivencia y conservación de la arquitectura tradicional, los fenómenos de globalización recientes han propiciado un proceso de pérdida progresiva de la identidad idiosincrática de los pueblos andinos, que ha acarreado la destrucción y abandono de sus manifestaciones arquitectónicas más representativas. El artículo analiza este legado constructivo desde la perspectiva de la conformación de un paisaje cultural, acorde a los principios de la Organización de la Naciones Unidas para la Educación, la Ciencia y la Cultura (UNESCO), y pone en valor el rol que un patrimonio arquitectónico característico puede desempeñar como agente complementario de un proceso de desarrollo de ecoturismo.


domingo, 22 de enero de 2017

A LUZ DUN INVERNO INSUFICIENTE

Rabexar sen respirar porque o aire non recende a neve.
Os vales, de todos os xeitos,  seguen o seu curso; a luz segue tinguida da melancolía propia dun outono que tampouco foi.
Movéndose síntese xeo... de frío, non de auga.

Bustelo de Fisteus e val do Sil no solpor

Canón do Sil dende a baixada de Torbeo á Cubela en Ribas de Sil

Meandro da Cubela en Ribas de Sil

Fervenza do Fócaro, na Seara. Serra do Caurel

Cabana no val do río Visuña, na Serra do Caurel

Fervenza de Vieiros, na Serra do Caurel
Río Selmo por riba da Fervenza de Vieros, na Serra do Caurel

Invernía no souto de Vieiros, na Serra do Caurel

Poza no río Selmo baixo a Fervenza de Vieiros, na Serra do Caurel

lunes, 2 de enero de 2017

IMAXES PARA 2016

Non as contei pero superan as 100.000 como todos os últimos anos. Sempre son demasiadas imaxes para tratar de suplir unha mente cansada.
Algúns, a meirande parte, son redescubrimentos importantes dun ano que non foi bo e deixará fondas pegadas.
Non hai ningún criterio para selecionalas e cando as volva a ver preguntareime por que... Sempre é o que hai...

Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil dende o miradoiro dos Boqueiriños. Ribeira Sacra. Parada de Sil e Sober.

No Trail do Lor que organiza Tourgalia

Cara o campo alto do Tharpu Chuli (Tent Peak). Annapūrna Himāl. Nepal. Ao fondo Machhapuchhare montaña sagrada

No campo alto do Tharpu Chuli (Tent Peak). Ao fonto a cara sur do Annapurna... Nepal

R32 no barranco do Regueiro Seco en Campodola. Quiroga. Por casualidade, como pasan sempre as grandes cousas...
Canón de Ordesa nas gradas de Soaso. A visión causa a mesma impresión de sempre, pero esta vez hai un montón de sorrisos no medio. CM Formigueiros, inesquecible...
Babia nunca pode faltar, camiño de volta do Montiguero unha parada para sentir o osíxeno en Peña Redonda


Val de Visuña, fervenza grande de Hórreos. Moito antes de que o Caurel fora descuberto. Evidentemente esta imaxe non é deste ano pero sempre está de actualidade. No val de Visuña quedaremos...

domingo, 11 de diciembre de 2016

DEVESA DO CERVO. O MAZO. QUIROGA

Ritual.
Agardaba pola ponte de decembro como moitos outros anos. Sempre coincide por aquí así...
Ando lento.
Ando atento.
Non vou a ningures molesto por un sol que non corresponde. Rabexo. Mágoa de tempo...
A verdade xa é un pouco tarde, xa o sabía dende os días anteriores de camiño a Seara pero non quero faltar a cita con Bárbol (Treebeard). Tal vez este ano, como moitas outras veces, tamén apareza.
Si, aquí está, no mesmo recuncho de sempre, onde o bosque é máis vello, onde o bosque é máis tranquilo, onde o bosque cheira a humidade, onde o bosque é... brutal.
Séntaste e fuxes deste mundo para entrar nun mundo antigo... ents, ucornos (Huorns)...
Quen sabe cando será o primeiro xiro deste ano; o aire aínda non trouxo neve para quedarse...

Track .gpx ruta O Mazo-Devesa do Cervo-Fervenza do Cervo-Pico Montouto.

No camiño do Mazo á ferrería

No camiño do Mazo á ferrería

Recuncho do rego de Montouto na parte baixa, fóra do camiño

Rego que baixa de Rinán a carón dunha das fervenzas, fóra do camiño

Fervenza no rego de Montouto, fóra do camiño

Bosque vello, devesa do Cervo

Bosque vello, devesa do Cervo

Devesa do Cervo, lección de Xeoloxía. Así é unha montaña por dentro. Flanco do Sinclinal da Serra do Caurel

Fervenza do Cervo

Parte baixa da devesa do Cervo

Parte baixa da devesa do Cervo

Devesas do Cervo e Mazales, a esquerda

A lúa sobre a devesa do Cervo

Solpor no val do río Soldón, ao fondo o pico da Torca

sábado, 10 de diciembre de 2016

FERVENZAS DO SELMO NA ZONA DE PENA LONGA...

Esmorece o outono e como un lóstrego vina dende a estrada...
Xa había tempo. Cando éramos río pasamos por alí moitas veces sen tempo máis que de ser iso... río.
Agora apreciamos o que significaba aquilo pero pódese ir de vagar a deixarse arrolar por un mantra que non cesa.
Nos dominios da fervenza das fervenzas, antes de abandoar Quiroga, o río Selmo salta primeiro nunha cachoeira e logo nunha chapacuña da que parte unha vella caldeira. As chapacuñas para as presas aproveitan na meirande parte dos casos saltos de auga naturais; así cunhas simples fiadas de cachotes tiñan a presa montada...
Salvaxe e sutil...