domingo, 12 de marzo de 2017

EMOTIVO, SALVAXE, ÍNTIMO... VÉMONOS MEU...

Emotivo, salvaxe, íntimo... pendurado para sempre entre o monte Formigueiros, a devesa da Rogueira e a sima Aradelas... xa es eterno meu.
Miro atrás sen pena e vexo tres corpos espidos no medio do río Mundo nunha madrugada xélida... só hai risas e imaxes imprecisas pola brétema que desprenden os nosos corpos que morren de vida: -isto non vos é para durar, dixo...
Miro atrás sen pena e só sinto risas profundas por algo tan puro e natural como é a xente sinxela: -voute levar o boi de Vilar, -voute levar o boi de Vilar... No medio dunha cifra escoito as túas palabras: -neno, voute levar o boi de Vilar.
Miro atrás sen pena e vexo un ser tan puro como a neve do Karakorum, tan puro como un Peugeot 205 coa bandexa traseira ocupada por un enorme pano coa faciana do Che estampada: -ti sempre fuches moi "pijo"... dicíame.
Miro atrás sen pena e sinto a vida duns anos felices acompañado por todos eles... a maioría de nós vímoste voar onte, cara a Rogueira, cara a sima Aradelas, cara o cumio do monte Formigueiros... e agora xa nos acompañarás en cada paso, en cada cova, en cada barranco... Era difícil imaxinar un final así... emotivo, salvaxe, íntimo... no extremo; si, sempre nos extremos.
Miro atrás sen pena e escóitote berrando dende a beirarrúa de en fronte: -mestre, mestre... xa non coñeces a ninguén...e o corazón late con forza pensando nos toques de pelota no aparcadoiro do Torcal de Antequera, ou na cancha deportiva de Arredondo, ou na beira do río de Melón... O corazón late con forza pola pureza de cada un dos momentos que gozamos xuntos; late con forza porque aquela pureza nin se merca nin se vende e por máis que se busque non é doado que apareza...
Miro atrás sen pena e escoito o ruxir do río na cova do Hundidero... e véxote arriba expectante, ansioso, lunático... -salto?, -salta... Supoño que non aprenderías a nadar nos últimos anos. Sempre atopabas con quen saír das pozas, calquera de nós valía, a conexión era íntima.
Agora mirarei atrás sen pena e vereite voando polo Caurel coma un "lince chosco".