sábado, 12 de agosto de 2006

Muztagh Ata 2006: C.1. alto. 5.550 m. – C.2 6.190 m. – C.B. 4.445 m.

O espertar é malo como sempre a primeira noite que dormes a esta altura, gustaríame que non fose así. Ó saír da tenda as cousas melloran aínda que os preparativos son lentos e fatigosos. Almorzo un té que entra a duras penas. O día non está malo e hoxe está previsto facer un primeiro porteo ó campo 2 para montar unha tenda depósito na que deixaremos gas e comida. Coa mochila ben cargada, vou para arriba con incerteza, hai xente que xa está tocada e non sabemos si todo o grupo poderá chegar a este campo, de non ser así haberá que coller máis peso para deixar abastecido o emprazamento. A primeira rampla, sobre o C1 é moi inclinada pero vaise subindo paseniño, parece que en principio hai forza. A paisaxe entre os campos 1 e 2 é espectacular, circúlase por un terreo cheo de seracs e fendas do glaciar, a visibilidade non é completa pero permite gozar da zona máis bonita da ascensión. Por este terreo progreso encordado con Gus e con Oc; o primeiro inconveniente serio chega cando Gus, cada vez máis lento, cuspe sangue varias veces seguidas. Momento de tensión e indecisión, terá que baixar o antes posible; o saír da zona dos seracs, decídese que baixará acompañado por Josep, que tampouco anda moi fino. Máis carga para o lombo. Despois deste treito entre xigantesco bloques de xeo e despois dunha pausa para repoñer forzas, segue unha forte pendente; ascendo tranquilo, mesmo algo emocionado, estou onde sempre quixen estar e podo ver o meu corpo dende fóra, son un viaxeiro. Chego o C2, canso, xusto de forzas e cústame bastante axudar a montar a tenda depósito. Por riba a montaña semella infinita, sen referencias de onde está o emprazamento do C3 e aínda menos do cumio. Consigo comer algo e para abaixo con ganas de vomitar, ó final sen problemas, en canto perdo altura o corpo mellora de xeito espectacular. Pequena pausa no C1 para deixar parte da roupa e continúo baixando ata a tenda azul do C1 baixo. O resto da baixada, correndo polo sendeiro, 1 h e estou no Campo Base despois dunha xornada esgotadora. Ceo ben e axiña para o saco. Paso boa noite pero soño cousas que non me axudan moito…

No hay comentarios:

Publicar un comentario