sábado, 19 de agosto de 2006

Muztagh Ata 2006: C.1. 5.550 m. – C.2. 6.180 m.

Pasou a noite e sigo vivo… Toca prepararse para saír sen moita presa cara o C2, se todo segue segundo o previsto instalarémonos alí e quedaremos a pasar a noite coa idea de desmontalo á mañá seguinte e subir ó C3, este será o momento decisivo; unha vez desmontado o C2, non hai máis remedio que ir a polo cumio. Os preparativos sempre son lentos. Gus xa está outra vez no grupo e semella bastante recuperado para intentalo. Ademais do equipo persoal haberá que subir máis gas e a parte da tenda que lle corresponda a cada un: o resultado é unha mochila que pesa como nunca. Parece que a miña cabeza quedou descansada de tanto bulir durante a noite e móvome como unha pantasma polas primeiras ramplas sobre os seracs do C1. Estou ben fisicamente e sei que farei o posible por chegar ó C3. A pegada está aberta pero a neve está pesada aínda que vai frío. O treito de fendas e seracs entre os campos 1 e 2 é un lugar máxico malia a brétema que entrou de súpeto; esta montaña non concede descansos, hai pouco lugar para as alegrías. Despois dunha pausa para repoñer forzas empeza a zona máis inclinado desta xornada, hai que tomalo con calma, xa sabes: un pé diante do outro e a mente voando… que curioso, gozo sempre neste esforzo ata emocionarme. Qué cousas ten a mente! Entre a néboa, e despois de 5h de esforzo, aparecen as tendas do C2. Non vexo este campo, miro cara arriba, a montaña non remata, tende ó infinito; a silueta dalgún escalador que descende ó lonxe indícanos a inmensidade do que hai por riba de nós. Non pode ser, aquel puntiño, alí arriba, é unha persoa! En cuestión de minutos abriuse o ceo e loce o sol, no C2 hai un movemento frenético; toca preparar unha plataforma na neve e instalar a tenda. Non hai problema parece que o organismo responde perfectamente e en cuestión de algo máis de media hora o campo está montado; son as 16h24’. Síntome mal, xa empezamos, trato de beber algo quente e meto paracetamol e lansoprazol… en media hora estou bastante recuperado e podo saír novamente para falar un cacho con Juanjo e Fer, sempre me fan rir coas súas ocorrencias aínda que non teña ganas. Cea lixeira, fundir neve e de novo para o saco… no meu reproductor mp3 soa música pasteleira… Sigo a pensar e a existir. Estou vivo?

No hay comentarios:

Publicar un comentario