lunes, 7 de agosto de 2006

Muztagh Ata 2006:KARKUL LAKE – Pico 4.000 m - KARKUL LAKE.

Non está mal, virán tempos peores e agora seino. Pasou a primeira noite na iurta típica, ten o seu encanto. A cea nun restaurante chinés que cheira como sempre pero a comida está boa. O día de hoxe dedicarémolo a aclimatar aquí, aínda que nun principio o plan era subir o campo base directamente, con bo criterio pasaremos unha segunda noite a 3.600 m. Polo de agora non hai ningún problema coa aclimatación e para a miña sorpresa rematou a tose que me torturaba dende que saíra de Quiroga, si, é posible que fora producida polos nervios. Levantamos ás 7h30’, almorzo kirguís na iurta a base de té, pan e un doce parecido as orellas de entroido, non me atrevo coa leite de iac por precaución, non estivo mal. Para mellorar a aclimatación hoxe subiremos ata 4.000 m, o que nesta zona resulta doado, calquera dos outeiros ó carón do Lago Negro superan con amplitude esta cota. As vistas son abraiantes sobre a infinidade dos lagos e o macizo do Kongur que por momentos deixa ver o seu pico principal resultando arrepiante cos seus preto de 8.000 m. Pero a nosa vista detense unha e outra vez no Muztagh Ata, que aparece tímido entre a brétema por veces, novamente pon medo pensar no que ven. Moitas fotos e boa sensación. Temos que baixar de xeito precipitado porque nun intre a sarabia faise insoportable. O xantar de hoxe será nunha casa kirguís de adobe onde nos prepararon un arroz delicioso, ou é qué a fame empeza a ser determinante. Pola tarde descanso e aproveito para gozar do sitio no que me atopo, supoño que non haberá en todo o mundo un lugar con tanta beleza xunta como a que ofrecen as ribeiras do Karkul Lake. Pola noite probo por primeira vez os famosos “kebabs”, pinchos de carne de cabra á brasa; un manxar, todo para dentro. Despois, nun espectáculo musical en directo, cumpro o sono de escoitar a dous intérpretes de laude árabe, foi un momento bonito e cargado de emoción. Ás 22 h, estou metido no saco para pasar unha noite tensa, mañá toca subir o campo base e o sufrimento virá pouco a pouco, como ven sempre. Novamente atópome no lugar adecuado aínda que noto que as sensacións estanme a superar e agora leo no meu caderno cousas que me xean o sangue.

No hay comentarios:

Publicar un comentario