martes, 8 de agosto de 2006

Muztagh Ata 2006: KARKUL LAKE 3.600 – C.B. 4.445 m.

Non foi unha mala noite, co día volven a cabeza os mesmos pensamentos negativos de sempre, pero trato de superalos. Preparativos. Pronto en coche ata o poboado de Subash, punto de partida cara ó campo base e principio da andaina. Fártome de facer fotos, o paraxe a 3.700 m é impresionante; por unha banda a Karakorum Highway, e pola outra unha enorme planicie verde pola que discorre o río Amu Daria, máis aló o deserto, con burros ananos, camelos… e auténticos kirguises nómades, sempre coa mole do Muztagh Ata ó fondo e pechando o val a pantasmagórica presencia do Kongur Shan. Comezo a camiñar con tranquilidade, sen ningunha présa aínda que o resto do grupo voa polo deserto, eu sei que teño que ir a modiño, imaxineino así e levareino a cabo. O terreo gaña altura suavemente sen apertar demasiado os corpos malia unha lixeira pesadez na cabeza; a aproximación o campo base lembra a andaina ata Praza de Mulas (C.B. do Aconcagua) aínda que con espacios máis grandiosos e abertos, menos pechado de montañas. Como sempre eu vou o meu, tratando de gozar e non mancar o organismo coa altura. Vexo as marmotas que habitan nestas montañas. Atópome ben e en tres horas e media chegamos ó campo base, pouco antes das 13h, con tempo xusto para a primeira comida. O C.B, está instalado nunha chaira entre as morenas dos glaciares Kamatolja e Kartamak, parece un sitio moi tranquilo cunhas infraestructuras moito máis modestas que noutros sitios. Despois dun xantar copioso toca montar as tendas individuais, compartirei con Pere unha tenda grande que non suscita problemas de espacio, ademais entendémonos ben dende o principio. O resto da tarde pasa entre a organización do material e unha merenda que se xunta coa cena, hai que almacenar para os días de privacións que seguro que virán. Estou ben, polo de agora ningún síntoma do mal de altura, déixao que xa aparecerá. Teño dúbidas, ó mesmo tempo nótome moi centrado no tema. Ás 21h no saco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario