lunes, 21 de agosto de 2006

Muztagh Ata 2006: C.3. 6.900 m. – Intento cume ata 7.350 m. – C.3. 6.900 m.

Un movemento no saco e tremenda arcada… tres segundos, o tempo suficiente para abrir a cremalleira e vomitar na bolsa do neve para fundir que está no avance da tenda. Son as 5h, mal empeza o día de cumio; parece que está bo día e non hai rastro do vento anunciado… Prepararse para saír non é unha tarefa doada, todo sucede lentamente. Os mexicanos están un pouco mellor e tamén participarán no intento. Xa hai movemento no C3. Vou completando a miña vestimenta segundo pasan os minutos… 6h45’ só queda a carcasa da bota é o máis complicado. Non levarei mochila, todo o necesario irá nos petos do plumas e acomodado contra o corpo… tampouco preciso moita cousa para esta viaxe. 7h10’, saio ó exterior, vaia día… quen o ía dicir. De almorzo unhas galletas e uns tragos de auga que case non pasan pola gorxa… é difícil de crer pero é así, eu non podo comer a esta altura aínda que non me atopo moi mal. 7h30’, calzo as raquetas, o grupo xa está preparado. As nosas miradas inquedas están fixas no fungo prendido na zona superior da montaña, ninguén di nada pero todos sabemos o que significa unha nube lenticular no cumio… ¡¡hostia, hostia…!!, dúbidas. 7h42’’ Vámonos xa, a mente voando, en Quiroga a xente estará durmir, un paso, outro paso… a neve está pesada; aproveitamos a pegada dos esquiadores pero non é suficiente, cada pisada supón un esforzo: hai unha capa delgadiña de xeo e por baixo a neve branda dos días anteriores. Cada paso supón enterrar a perna por riba do nocello malia as raquetas, nun principio non parecía un inconveniente importante pero resultou definitivo… a marcha é lenta e fatigosa. Os máis frescos tornámonos na cabeza para abrir a pegada, 50 pasos cada un e descanso na cola. O altímetro marca pouco máis de 7.100 m, imos demasiado lentos e a xente de outras expedicións non colabora nada, veñen sempre detrás. Fer rifa continuamente con eles en inglés, pero o máis doado é facerse o tolo. 7.150 m, Gus e Oc anuncian a súa retirada, chegaron o seu cumio… “Esto es un chingo, gallego…”. Mágoa pero bo criterio, non van nada ben. 7.200 m, Juanjo non aguanta máis; non se ve fino, dará volta cun esquiador catalán, déixanos a risa contaxiosa deste gran home. Media mañá, péchase a brétema, ¡¡uf!!. Fernando, Fer, Jose e eu seguiremos subindo, Pere e Miquel andan un pouco por riba cos seus esquís… aínda creo que podemos chegar, nunca penso o contrario ata esgotalas posibilidades. 7.290 m, parada para “xantar” e avaliar a situación, meto algo de xel, un anaco dunha barriña enerxética dura como unha pedra e dous grolos contados de auga. Todo moi rico e moi abundante… Vai frío e xa non hai visibilidade… un paso, outro paso… voan as horas. 13h34’ o altímetro marca 7.360 m, ninguén o di pero todos o sabemos, haberá que pegar volta; o avance é demasiado lento e o tempo empeora cada minuto. Uns metros máis, non merece a pena, non haberá cume… os esquiadores que nos levaban vantaxe tamén abandonan o seu intento. Hoxe ninguén chegará arriba. ¿Pensaría o suficiente cómo sería non subir…?. En Quiroga son as 9h34’, saco do peto o avionciño azul de peluche… chegou ben arriba, fotos, pensamentos rápidos, aquí hai moita xente comigo… non se ve pero estou moi preto do ceo… Imponse baixar, xa sei por outras veces que agora ven o máis enfastiado e as condicións non son boas, o que pode complicarse sempre se complica. O grupo permanece unido para non perder a pegada nunha brétema tan espesa que parece mesmo dificultar a respiración. Cando levamos pouco máis de 20’ baixando empeza unha cifra infernal; a montaña converteuse nunha rateira e nos levábamos uns días invitados a esta festa…non pode ser… de pronto o aire está cargado de electricidade estática e a cifra semella cravarse como alfinetes nas mans e na cabeza… eu nunca tivera que afrontar algo así. As baixadas son sempre complicadas pero hoxe a cousa está moi negra, o feito de non ter chegado o cumio ocupou a miña cabeza durante cinco minutos e agora só me concentro en chegar o C3, alí está a verdadeira cume desta montaña. Tranquilo, non pasa nada, non hai que desesperarse, pero cada minuto que pasa o tremendo “marrón” no que estamos envoltos tórnase máis insoportable, véxome obrigado a sentarme na neve cada poucos pasos; teño a mesma dor aguda na parte esquerda do abdome que aparece sempre durante as baixadas, nunca o consultei pero supoño que será un efecto máis do mal de altura. Recorremos ó GPS para orientarnos, sinto berros en francés de alguén que avisa dos lóstregos, ¡¡hostia…!!, xa me vexo de novo dicindo ¡¡qué pena!!, ¡¡qué pena!!. Por diante, Fernando xa ten localizadas as tendas, eu aínda non as vexo, estou bastante máis arriba cun catalán, que curiosamente tamén se chama Ramón, baixa tocado e procuro non perder en ningún momento o contacto visual. Son as 17h, estou esgotado pero, en principio, a salvo no C3, a miña faciana ten unha costra de xeo e semella máis a imaxe dunha pantasma que alguén deste mundo… gústame ver estas fotos porque son transparentes, podo mesmo ver o meu interior. Lembro, un paso no sol e outro na sombra; o fío que separa sol e sombra e demasiado estreito. O que vexo no interior da miña tenda, chantada no medio da tempestade non é moi alentador, os mexicanos non fixeron auga, están enfastiados. Oc ten os ollos fundidos nunha cunca que agora, xa sen dúbidas, é completamente amarela e a lingua cuarteada. Non se moven para nada, sinto medo… Descansarei un cacho e logo prepararei auga para que podamos meter algo quente no corpo. Fóra anoitece, demasiado tempo de descanso, derreto neve e fago unhas infusións… sabor difícil de esquecer… os meus compañeiros de tenda non son capaces nin de beber malia os repetidos intentos. Ven unha noite mala e unha xornada moi dura, seino… sinto medo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario